INOCENTES
Dóenme os inocentes que morren en Afganistán pola codicia das mafias para controlar o mercado da droga e do petróleo. E os occidentais dicimos que son danos colaterais
Dóenme os inocentes iraquís que morren todos os días como danos colaterais dos oligarcas do G-8 que queren o seu petróleo para seguir mantendo un comercio depredador que cada día aumenta a distancia entre ricos e pobres do mundo
Dóenme os inocentes chechenos mortos pola barbarie e irracionalidade dos que queren seguir controlando os seus recursos.
Dóenme os inocentes palestinos que morren machicados nas súas casas, desposuídos das súas terras e privados da súa identidade por manter á forza o control militar e económico dunha zona do mundo estratéxica para os intereses do Imperio.
Dóenme os inocentes africanos que morren de fame debida a espoliación dos seu sustento e pola mala xestión dos seus gobernantes que se enriquecen coas esmolas dos países ricos que llas aportan para que non esperten da súa impotencia.
Dóenme os inocentes de todo o mundo, asiáticos, latinoamericanos, que morren escravizados polas mafias e polas empresas da economía globalizada que buscan o máximo beneficio comerciando coa vida de seres humanos, que non teñen ningún valor porque son danos colaterais que non teñen porque revolvernos a conciencia, pois nós buscamos os argumentos dialécticos para quedarmos perdoados e eximidos de culpa e responsabilidade.
Dóenme os inocentes mortos nas torres de Nova Iorque, en Madrid e en Londres porque non son responsables das políticas dos gobernantes que se agochan tras os exércitos, as policías e os medios de seguridade pagados por todos. Pero estes non son danos colaterais. Ocupan planas dos xornais e portadas dos telexornais e horas e horas de tertulias na radio, pois son os nosos inocentes e dóennos algo máis.
Dóenme todos os inocentes esquecidos e abandonados, que non teñen quen lles valla, polos que ninguén chora, polos que ninguén reza.
¿Rebelaranse algún día os inocentes?

0 comentarios:
Publicar un comentario
Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]
<< Inicio