Indecisión
O día 19 foron as eleccións en Galicia e aínda non decidimos nada. Todo sigue no aire agardando que a Santa Compaña decida se debemos subir ou baixar as escaleiras. Non sei se o que pasa nesta amada patria é unha maldición divina ou simplemente consecuencia dunha personalidade formada a través dos séculos, que se caracteriza por unha psicoloxía da desconfianza como medio de sobrevivir nun recuncho sen saída.
Aquí ninguén arrisca nada. Será difícil atopar un galego bo xogador de póker; nunca sabería se apostar ou pasar, incluso tendo catro ases man. Non vaia ser que o outro teña repoker. Os negocios hai que facelos pouco a pouco e con sentidiño, sen arriscar, arrimándose ao quen goberna, con axudas do poder. Todo galego sabe que os mellores negocios están na política, onde cos cartos de todo pódese facer fortuna sen arriscar nada, por iso ninguén cre as promesas de cambio ou dunha xestión diferente. No consciente da inmensa maioría da poboación está que..”serías un burro se non fixeses o mesmo e te aproveitaras do posto... colocar a familia, favorecer os amigos, poñer o cazo..”
O carácter galego, como é natural, reflíctese en todo. Na prensa, xa que ningún dos medios de comunicación apostou claramente por ningún dos contendentes; hai que estar a ben con todos por si acaso. No deporte, pois para pasar de segunda a primeira o Celta tivo que xogar dúas veces o ascenso; as meigas apareceron. Nos nosos representantes, que son o retrato dunha sociedade avellentada, conservadora e indecisa. Na nosa identidade que aínda non sabemos se somos máis galegos que españois ou máis españois que galegos, pois os de aquí gobernan ben, pero os de fóra non o fan mal.
A nosa indecisión chega a tal punto, que nin nas mellores das situación somos capaces de facer unha aposta arriscada. Agardamos a que outros o fagan por nos, neste caso uns irmáns que tiveron que abandonar a Terra por necesidade e que agora, dende as gradas, van decidir como árbitros dun partido que rematou empatado.
E despois desta prorroga, ¿quen prefires que goberne?. Pois non che sei. Uns son vellos con experiencia e outros novos sen experiencia. Deus é bo, pero o demo non é malo. E a vivir que son dous días.

0 comentarios:
Publicar un comentario
Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]
<< Inicio