Demócratas de comenencia.
Estamos en campaña electoral en Galiza. Por primeira vez, dende que o mundo existe, a dereita de toda a vida, os caciques, os responsábeis do atraso de Galiza, poden perder o poder. Si, sempre fomos gobernados polos mesmos. Dende que eu teño uso de razón, acordo as mesmas familias e os seus herdeiros en concellos, deputacións e logo na Xunta. Primeiro eran os franquistas, que se pasaron a UCD, logo convertéronse no PP e sempre comendo do público. Pasaron de fascistas intolerantes e demócratas convencidos porque quen perdían eran os outros. Eles seguían coma sempre, utilizando artimañas para conseguir os votos cautivos por favores dados ao estilo mafioso, e non pasaba nada, todo legal.
Pero agora que ven cerca a posibilidade de perder as prebendas de toda a vida, sáelles a fera que levan dentro, non coutan o inconsciente e falan con claridade: “hai que roubar os votos que faga galla para ganar” (Baltar, presidente da Deputación de Ourense). Fraga solicita o control das sacas de correos cos votos emigrantes, cousa que nunca fixera porque as controlaban eles dándolles vitorias non conquistadas na terra.
Este é o panorama. O BNG e o PSOE en Galiza asumiron sempre os resultados electorais como bos demócratas, pensando que o PP faría o mesmo cano houbese alternancia, pero equivócanse. Os do PP só son demócratas cando gañan. Se desta volta perden, a ver como reaccionan, porque o que están facendo no Estado Español coa súa campaña de confrontación, aquí pode ser a guerra social.
Así que hai que educalos, e ensinarlles a ser demócratas aprendendo a perder e gañar.
Pola emoción de velos rabiar, hai que botalos, hai que cambiar polo futuro de Galiza e da xente moza.

0 comentarios:
Publicar un comentario
Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]
<< Inicio