¿NUCLEARES? SI, GRAZAS
Lembran aquelas campañas dos anos oitenta, aquelas manifestacións en contra das nucleares de Xove, de Lemoniz, lembran aquela graciosa pegatina cun sol sorrinte e o lema de ¿Nucleares? Non, grazas. ¿Quen se atrevería hoxe a levar esa pegatina no peito sen remorso pola súa actuación persoal fronte ao medio ambiente?. Estou certo de que non tardaremos moito en mobilizarnos pedindo Nucleares si, grazas.
Estamos vivindo unha situación paranoica e contradictoria de derroche enerxético. No inverno porque vai frío e xa non sabemos vivir sen calefacción a máis de 25 graos, cando nos podía chegar con 19 ou 20. No verán porque vai moita calor e poñemos o aire acondicionado a 17 graos, cando o ideal poderían ser 22. Pero dá igual, de inverno pasamos calor nos lugares pechados e frío na rúa, e no verán ao revés, sen pararnos a pensar a cantidade de enerxía que derrochamos sen sentido, pero aínda pedimos máis. Pedimos que nos poñan aire acondicionado no parque e ninguén ten interese en convencernos do noso erro.
A estratexia das multinacionais da enerxía é clara. Teñen que gañar canto máis mellor. Para iso teñen que crearnos necesidades, igual que as drogas, pequenas doses ata que o corpo non pode pasar sen ela, e despois cada vez doses máis elevadas, no inverno moita calor e no verán moito frío.
Chegados a esta situación, ¿quen se atreve a dicir que non hai enerxía suficiente? ¿Quen se atreve a pedir sacrificios cando nos afixeron ao hedonismo sen límites, cando o confort é símbolo de status, cando nos convenceron de que a tecnoloxía pode dominar a natureza indefinidamente? ¿Quen se atreve a pedir restriccións despois de tanto tempo de consumo desmedido?
A situación social é cada vez máis propicia. As compañías que controlan o mercado da enerxía están agardando, xa saben que falta pouco para que a víctima estea sen folgos, saben que está máis cerca o día no que moreas de xente saia ás rúas pedindo máis electricidade, cunha enorme pancarta que poñerá NUCLEARES SI, GRAZAS.
