OS CARTOS DE EUROPA TIRADOS POLO CHAN

Cos cartos que chegaron de Europa fixéronse moitas cousas e axudaron ao progreso do país, aínda que moito menos do que nos gustaría. Así mentres outros países e outras zonas do Estado Español souberon investir en actividades produtivas que aportan valor engadido e traballo para os cidadáns, en Galiza usáronse maiormente en política clientelar, en paseos, promoción de feiras e papeadas, obradoiros de emprego para captar votos, etc. Tamén se crearon entes territoriais sen contido político nin administrativo, que non aportan nada á cidadanía, pero serviron para colocar a xente do Partido Popular e cobrar bos soldos sen facer nada. Estas entidades, chamadas entes comarcais teñen unha dotación económica procedente de Europa (PRODER II) e non saben que facer cos cartos.
No ente comarcal da Mariña Occidental, a alguén se lle ocorreu facer carteis sinaladores dos diferentes lugares e poboacións dos concellos. Isto estaría ben si se houbese feito con sentido do aforro e eficacia, para evitar atoparse con sinais duplicados e incluso triplicados, que nalgúns caos confunden máis que orientan.
Pero o peor e a incapacidade e ineficacia para colocar estes carteis indicadores.
Hai máis dun mes a empresa que se beneficiou coa fabricación dos carteis indicadores foinos deixando tirados polas cunetas nos lugares para a súa colocación. Pasado este tempo ninguén veu colocalos. Algúns xa desapareceron, outros están tapados polas silvas, outros enferruxados e todos eles tirados como símbolo de abundancia de euros neste país que ten a taxa de paro de xoves máis alta do Estado, que é incapaz de reter os licenciados que saen da universidade por falta de empresas que os contraten, etc.
Despois habémonos queixar cando Europa nos pida contas de onde investimos os cartos que nos deron para progresar ao seu nivel, e habemos maldicilos cando se cansen de darnos cartos para tiralos polas cunetas.

0 comentarios:
Publicar un comentario
Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]
<< Inicio