Homes sen Deus
Xa se está calmando porque están lonxe, aínda que mortos de fame, enfermos e loitando contra o deserto, pero as nosos conciencias dormen tranquilas soñando con altos valados, tecnoloxía punta para repeler animais e xustificando os muros da vergoña cando nos toca facelos a nós.
O seguimento mediático e informativo da traxedia foi impresionante, todos quixeron sacar tallada política e económica da miseria. Estiven todo este tempo pescudando nos xornais, na tele, nos debates radiofónicos a postura oficial da Igrexa sobre este asunto, para ver como afrontaban unha cuestión de caridade e de dignidade das persoas. Por certo persoas xa formadas, non abortadas, pero abandonadas na súa pobreza que axuda a construír a nosa riqueza. E non atopei nada.
Durante todo este tempo as autoridades da Igrexa Católica dedicáronse máis e criticar o goberno por asuntos que lles afecta á súa economía, como é as subvencións aos centros concertados ou a reforma da Lei de Educación. Volvín aos Evanxeos e topei a pasaxe na que Xesús expulsa os mercaderes do templo e pensei que os novos templos xa son máis un mercado que a casa que acolle os necesitados.
Pobres homes sen Deus. Ninguén os protexe, os seus deuses abandonáronos nas crueis mans da natureza, e os representantes do Deus do mundo rico optan por mirar para outro lado. Triste futuro os agarda cando a natureza os martiriza con secas e fame, cando os seus semellantes os abandonan e os rexeita como animais doutra especie e cando non teñen deus que os console na súa soedade.

0 comentarios:
Publicar un comentario
Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]
<< Inicio