De cachetes e puñaladas.
Estes días produciuse un debate público en col do cachetes e a súa influencia negativa na educación dos nenos. Quen se atreveu a buscar puntos intermedios entre o maltrato e imposición de respecto por medios expeditivos cando non é posible razoar, foron tachados pouco menos que de maltratadores, retrógrados, insensibles e sementadores de violencia. Semella que hai certos temas nos que non se pode discrepar nin sequera con intención de diálogo para chegar a puntos de encontro, porque se considera politicamente incorrecto de plano. Estamos nun momento social no que non existen os matices, ou é branco ou é negro. Isto leva sempre ao enfrontamento e á imposición.
En contraste hoxe aparece unha nova nos xornais que di que un adolescente de 13 anos apuñala a outro nun instituto de La Linea. No mesmo diario lemos que a xuíza de menores suspende a pena dos acusadores de Jokin, que segundo parece fora causa do seu suicidio. A sensación que dá é que os rapaces poden actuar con total impunidade porque ninguén lles vai impoñer ningún tipo de condena, seguramente por medo a que collan traumas.
Ao respecto, e a risco de saírme da onda progresista, expoño tres situacións para a reflexión:
Os da miña xeración temos levado algún que outro cachete e non por iso collín ningún trauma, ou ao peor si e non me dou conta. Neste caso todos os que temos máis de trinta e cinco anos estamos traumatizados e este país está sendo gobernado por xente desequilibrada que debera estar a tratamento psiquiátrico. Tamén pode ser a explicación da paranoia social na que vivimos.
A xeración de adolescentes actual foi criada no “mellor” dos ambientes, con todos os caprichos ao seu alcance, con mimos para compensar as horas que pasabamos lonxe deles, traballando para que nada lles faltase, con total ausencia de violencia física para evitarlles calquera tipo de trauma. E o resultado disto está sendo o incremento da violencia entre iguais, a desidia, a abulia, a falta de respecto polos próximos, a falta de responsabilidade, a ausencia de remorsos e de moralidade e un aumento das consultas aos psiquiatras
Unha mestra recen chegada a unha escola, despois de aprobar con toda a ilusión a súa oposición, tócalle impartir unha aula de nenos de 6 anos e está totalmente amedrentada. Leva unha semana e coméntame que está a punto de renunciar, que está desquiciada. Intento animala dicíndolle que xa irá aprendendo, que ao mellor é falta de experiencia, que xa lle axudarán ou compañeiro...e contéstame:
-Mandáronme para esa clase porque era a novata e ninguén a quería. Non vai ser doado. Só levo unha semana e un alumno pegoume patadas e outro cuspiume. ¿Que podo facer?
-Lévalle os nenos a algún psicólogo experto ou chama os da ONG
Por favor, que alguén poña sentidiño e coherencia nas nosas relacións sociais.
