Dende o Faro

Blog para facer comentarios persoais sobre política e educación

miércoles, junio 22, 2005

NORMALIDADE SEXUAL

Como resulta que as manifestacións rematan cando se chega ao final do recorrido e se foron cívicas dá a sensación de que non hai consecuencias -cousa que non sabían os da Igrexa nin os do PP porque sempre estiveron criticándoas e reprimíndoas-, resulta que hai que seguir coa polémica para manter, cando menos, a tensión mediática. Para iso levan ao Senado a un experto, con grande currículo, chamado Aquilino Polaino, que afirma que os homosexuais son enfermos.

Diante isto quero verter as miñas reflexión persoais, coa simple intención de liberación psicolóxica, cousa que este experto entenderá pola súa profesión.

Xa hai que ser retrógrado e estar fóra dos tempos que vivimos, para contratar unha “autoridade científica” que anda 15 anos atrasado con respecto as conclusións da OMS sobre a homosexualidade. Dito isto, e dado que se considera unha opción sexual individual como unha enfermidade ou anormalidade, habería que saber o que entenden estes grupos de presión por ser normal. Considero que o problema non é a definición da norma, senón quen a define e impón. Evidentemente o “normal” é imposto polo poder, polos grupos socias, relixiosos, políticos e económicos dominantes. Disto a Igrexa católica e os partidos de dereitas saben moito porque durante séculos foron eles quen impoñían e facían cumprir as súas normas.

Este experto debera saber que as afirmacións científicas non se poden basear en impresións persoais concluídas a partir dun número mínimo de persoas tratadas nas súas consultas de psicoterapeuta, ademais de que as afirmación científicas teñen que estar abertas ao debate e a refutación doutros investigadores. Pero aínda no caso de que tivera razón, ¿por que os males están sempre fóra do seu grupo social e ideolóxico?, ¿que pasa cos curas homosexuais e cos curas pederastas? ¿Como se pode ser tan hipócrita e dicir hoxe que se defende a familia e ao día seguinte despedir a un docente de relixión porque solicita permiso para atender ao seu fillo recen nacido, para defender a súa familia?

Diante destas manifestacións dá a sensación de que o prestixio científico depende máis do poder económico que o sustenta –neste caso a Igrexa a través da universidade San Pablo-CEU- que do valor social dos descubrimentos deste catedrático de Psicopatoloxía (a profesión tamén imprime carácter). Atendendo ás normas das sociedades científicas internacionais, ¿será este “experto” un científico normal ou a súa paranoia relixiosa e doutrinal podería ser considerada unha enfermidade?

Ven mirado, de cerca ninguén é normal. Non sei se o señor Polaino se deu conta diso despois de tantos anos de traballo investigador. Pero a culpa non a ten el, senón quen o utiliza –pagando por suposto- para os seus intereses partidarios porque agora non poden impoñer as súas normas.

Con tanta febre, ¿remataremos todos enfermos?, e daquela, ¿quen nos curará?

lunes, junio 20, 2005

Indecisión

O día 19 foron as eleccións en Galicia e aínda non decidimos nada. Todo sigue no aire agardando que a Santa Compaña decida se debemos subir ou baixar as escaleiras. Non sei se o que pasa nesta amada patria é unha maldición divina ou simplemente consecuencia dunha personalidade formada a través dos séculos, que se caracteriza por unha psicoloxía da desconfianza como medio de sobrevivir nun recuncho sen saída.

Aquí fallaron todas as enquisas, ¿ou non?. Pois non sabería dicir. Poida que todos souberan a realidade, pero non conviña dicila para que a oposición non se desanimara ou para manter a tensión nos votantes do PP e non se quedaran na casa sabendo que ían gañar de todos os xeitos. Tamén poida que o que pasou é que as empresas que fixeron as enquisas non foran da terra e non coñeceran a nosa forma de ser. Precisarían dun estudo profundo da nosa psicoloxía social, para aplicaren formulas correctoras que aproximaran os resultados á realidade. Quizais o exemplo que empregou Fraga comparando os secretos sexuais das mulleres cos silencios dos enquisados non foi moi afortunado, nun home culto coma el, cando podía facer referencia ao noso refraneiro e utilizar aquilo de que “mexan por un e hai que dicir que chove”, ou aquela estampa de Castelao na que un burro ao que lle está pegando o amo di “mentres o pau vai e vén o lombo descansa”. Nas nosas relacións sociais de poder substituímos o silencio pola dúbida razoable... todo depende dos meus intereses.

Aquí ninguén arrisca nada. Será difícil atopar un galego bo xogador de póker; nunca sabería se apostar ou pasar, incluso tendo catro ases man. Non vaia ser que o outro teña repoker. Os negocios hai que facelos pouco a pouco e con sentidiño, sen arriscar, arrimándose ao quen goberna, con axudas do poder. Todo galego sabe que os mellores negocios están na política, onde cos cartos de todo pódese facer fortuna sen arriscar nada, por iso ninguén cre as promesas de cambio ou dunha xestión diferente. No consciente da inmensa maioría da poboación está que..”serías un burro se non fixeses o mesmo e te aproveitaras do posto... colocar a familia, favorecer os amigos, poñer o cazo..”

O carácter galego, como é natural, reflíctese en todo. Na prensa, xa que ningún dos medios de comunicación apostou claramente por ningún dos contendentes; hai que estar a ben con todos por si acaso. No deporte, pois para pasar de segunda a primeira o Celta tivo que xogar dúas veces o ascenso; as meigas apareceron. Nos nosos representantes, que son o retrato dunha sociedade avellentada, conservadora e indecisa. Na nosa identidade que aínda non sabemos se somos máis galegos que españois ou máis españois que galegos, pois os de aquí gobernan ben, pero os de fóra non o fan mal.

A nosa indecisión chega a tal punto, que nin nas mellores das situación somos capaces de facer unha aposta arriscada. Agardamos a que outros o fagan por nos, neste caso uns irmáns que tiveron que abandonar a Terra por necesidade e que agora, dende as gradas, van decidir como árbitros dun partido que rematou empatado.

E despois desta prorroga, ¿quen prefires que goberne?. Pois non che sei. Uns son vellos con experiencia e outros novos sen experiencia. Deus é bo, pero o demo non é malo. E a vivir que son dous días.

martes, junio 14, 2005


Esperemos que asi sexa Posted by Hello

viernes, junio 10, 2005


De acordo con Pepe Blanco Posted by Hello


Desta volta hai esperanza. Posted by Hello

miércoles, junio 08, 2005

Falta de imaxinación

Na actual campaña pola presidencia da Xunta de Galiza, o PP, temeroso de perder o sillón despois de infinitos anos no poder, está facendo a campaña máis dura, maleducada, desvergonzada e insultante de todas as que se lle recordan.
Diante a falta de propostas e argumentos para xustificar a súa continuidade acode as descualificacións a ao medo.
No canto de facernos propostas para mellorar a sanidade, a educación, a industria ou o mercado de traballo, dinos que vai romper España, gobernar ETA, etc. Contos de medo tan burdos que ninguén cre.
Non saben explicar como, despois de tanto tempo no poder, e sobre todo nos últimos 16 anos, non foron capaces de situar a Galiza entre os territorio máis evolucionados, senón que estamos á cola de todas as estatísticas e estudos socioeconómicos, entón argumentan que nos van “sacar as vacas”, que formaremos parte do Eixe do Mal, que non poderemos comer polbo nin empanada. Esto último será unha traxedia porque non poderán contar os que acoden ás súas concentracións.
Pero as amezas son tan parvas e infantís e que xa non meten medo a ninguén. Nin para isto teñen imaxinación.
Hai que botalos. Hai que cambiar.

domingo, junio 05, 2005

Demócratas de comenencia.

Estamos en campaña electoral en Galiza. Por primeira vez, dende que o mundo existe, a dereita de toda a vida, os caciques, os responsábeis do atraso de Galiza, poden perder o poder. Si, sempre fomos gobernados polos mesmos. Dende que eu teño uso de razón, acordo as mesmas familias e os seus herdeiros en concellos, deputacións e logo na Xunta. Primeiro eran os franquistas, que se pasaron a UCD, logo convertéronse no PP e sempre comendo do público. Pasaron de fascistas intolerantes e demócratas convencidos porque quen perdían eran os outros. Eles seguían coma sempre, utilizando artimañas para conseguir os votos cautivos por favores dados ao estilo mafioso, e non pasaba nada, todo legal.

Pero agora que ven cerca a posibilidade de perder as prebendas de toda a vida, sáelles a fera que levan dentro, non coutan o inconsciente e falan con claridade: “hai que roubar os votos que faga galla para ganar” (Baltar, presidente da Deputación de Ourense). Fraga solicita o control das sacas de correos cos votos emigrantes, cousa que nunca fixera porque as controlaban eles dándolles vitorias non conquistadas na terra.

Este é o panorama. O BNG e o PSOE en Galiza asumiron sempre os resultados electorais como bos demócratas, pensando que o PP faría o mesmo cano houbese alternancia, pero equivócanse. Os do PP só son demócratas cando gañan. Se desta volta perden, a ver como reaccionan, porque o que están facendo no Estado Español coa súa campaña de confrontación, aquí pode ser a guerra social.

Así que hai que educalos, e ensinarlles a ser demócratas aprendendo a perder e gañar.

Pola emoción de velos rabiar, hai que botalos, hai que cambiar polo futuro de Galiza e da xente moza.

Docentes divinos

Como docente e como cidadán ponme de mal humor que todas as culpas e as solucións aos problemas de comportamento social recaian sobre os docentes. O fiscal coordinador de Menores de Valencia, Manuel Dolz, di que “el profesor puede ser el primer culpable del acoso” e engade “Los docentes tienen que asumir su responsabilidad proque hai menores que llegan a pensar en quitarse la vida” (El País del 2-06-05 páx. 30).

¿E o resto da sociedade que?. ¿Non é culpable de nada?. ¿Que pasa coas familias desestructuradas? ¿Que pasa coas familias permisivas? ¿Que pasa coas familias que deixan a educación dos seu fillos a cargo da televisión?. ¿Que pasa coa sociedade que lle dá aos nenos todos os dereitos e non lles ensina a respectar os deberes?. ¿Como se lle pode pedir aos docentes responsabilidade sen darlles previamente autoridade?

Se os problemas asociais e de violencia da mocidade son derivados da súa mala educación, esta é responsabilidade de todos, pois para educar a un neno fai falla toda a tribo, como di o dito africano. Non chega con cambiar as leis de educación se estas non están en consonancia cos cambios sociais. Hai que buscar as causas profundas dos problemas para poder aplicar a terapia correcta. Non se lle pode pedir a un médico de Uganda que faga as mesmas curacións que fai un médico dun hospital europeo. Sería inxusto porque non ten os medios.

Isto é o que lles ocorre aos docentes, non son divinos, non teñen medios e teñen que educar contracorrente.

miércoles, junio 01, 2005

Hipocrisía social

Levamos un tempo no que morren moitos xoves como consecuencia de accidentes de tráfico, que se producen nas madrugadas do fin de semana e que teñen como causa o circular a altas horas da madrugada, cunha carga de alcohol considerable e altas velocidades.

As autoridades e a sociedade bota mans á cabeza no día do enterro. Os articulistas dos xornais piden responsabilidade e solucións, cando sempre na necesidade de educar aos mozos. Cousa que será imposible se non se dan, previamente na sociedade as condicións necesarias de coherencia e responsabilidade familiar e social.

Para ver que isto non vai por bo camiño. Despois de dúas semanas con mortos, o xoves 26 de maio, a Xunta de Galicia, Os concellos e os veciños, asinaron un acordo para que os bares, pubs e discotecas podan ampliar o horario durante todo o ano. É dicir aumentar as causas que, segundo as propias autoridades de tráfico, producen os accidentes na xente moza.

Se alguén entende algo, que mo explique.